CRTVG

Buscar

Ultímanse os preparativos para as seis verbenas que realizan unha proba piloto

Publicado o 18/06/2021 14:58

"A máis dun vaille escapar unha bágoa, porque isto é un acontecemento importante, volver traballar, volver estar enriba dun escenario, non sei, emoción a flor de pel", comenta Mª José, da orquestra Os Satélites.

Emocionados eles e tamén os afortunados que mañá van poder asistir por fin a unha verbena. Silvia foi das primeiras en sacar entrada porque xa ten moitas ganas de vivir.

"De desconectar, de pasalo ben, de gozalo, diso é do que temos ganas, de saír da rutina da covid, despexar, a mente, divertirse", cóntanos ​Silvia Asorey, que irá á verbena piloto do Carballiño.

Serán 6 verbenas piloto, e a do Carballiño vaise celebrar neste terreo de 3.000 metros cadrados onde se están ultimando xa todos os preparativos.

"O obxectivo disto é que sirva de exemplo para as futuras verbenas que se van facer en Galicia. Está todo perfectamente controlado, traballouse cun equipo de seguridade de primeiro nivel, estableceuse unha zona perimetrada que vai ter dous sectores onde a xente non vai estar comunicada, a ocupación máxima é de mil persoas e a gozar. Obviamente, vaise poder bailar porque é de pé. É a novidade tamén", explica ​Diego Fernández, concelleiro de Cultura do Carballiño.

Pois a bailar que as orquestras tiveron moito tempo para preparar o repertorio.

"Boleros, baladas, algo de música para escoitar e despois temos o noso repertorio de baile, o de toda a vida, a bailar e xa, que é realmente o que queremos tocar, iso é o que se quere", apuntan ​Noli e Mª José, da orquestra Os Satélites.

Noticias web

18/06/2021