CRTVG

Buscar

Ultiman a compra do balneario de Guitiriz por 4,5 millóns

Publicado o 09/01/2020 13:30

Unha empresa de Madrid ultima a compra do balneario de Guitiriz. A súa oferta na poxa celebrada no xulgado do Social de Lugo ascendeu a 4.500.000 euros. Se se pecha a operación e se explota de novo o establecemento termal, porase fin a tres anos de peche en que o edificio sufriu todo tipo de saqueos.

"Eu paso por aquí practicamente todos os días e vía que cada día aparecía unha porta forzada". "E, ademais, agora creo que é o momento. Se deixan pasar máis anos, isto vaise deteriorando pouco a pouco e é moi difícil de reconstruír".

A nova da compra do balneario foi ben recibida polos veciños de Guitiriz, que esperan que o establecemento recupere a actividade e volva crear postos de traballo.

"Traballaba moita xente da vila. Daba un montón de emprego". "Iso dálle vida á vila. Dálle vida en todos os aspectos".

A empresa adxudicataria, Foro de Formación y Ediciones, non é do sector hostaleiro, polo que podería negociar cunha cadea hoteleira para encargarse da explotación do balneario.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/01/2020