CRTVG

Buscar

Twitter alertará os usuarios de informacións enganosas sobre a COVID-19

Publicado o 11/05/2020 22:11
Twitter alertará os usuarios de informacións enganosas sobre a COVID-19
Twitter indicou este luns que empezará a alertar os usuarios de informacións que considere enganosas sobre a COVID-19. E como o fará? Mediante un aviso que aparecerá debaixo deses contidos, e no caso de seren máis graves, optará por escondelos ou mesmo eliminalos.
Cando a intelixencia artificial ou os verificadores humanos de Twitter e as súas empresas asociadas detecten contido sobre a pandemia que poida resultar "daniño", ben sexa porque é enganoso ou ben porque foi desmentido, engadiráselle abaixo unha ligazón á información contrastada coa alerta "Infórmate dos feitos de COVID-19".
E que pasa se os contidos teñen potencial "severo" para causar dano? Agocharanse e no seu lugar aparecerá o seguinte: "Parte do contido compartido neste chío entra en conflito coas directrices dos expertos en saúde pública en relación á COVID-19". Nese caso, será o usuario quen teña que solicitar expresamente ver o orixinal se así o desexa. No caso de informacións enganosas que a rede social considere máis "extremas e daniñas", eliminarase o chío.
Twitter alerta de que este mecanismo se aplicará tamén aos chíos compartidos con anterioridade á data de hoxe. Aínda que polo de agora se limite ás informacións relacionadas co coronavirus, a idea é que se amplíe máis adiante ao resto dos contidos.