Náutica, ciclismo e natureza: Galicia leva a Fitur outras opcións de coñecer o país
O Xacobeo 21-22 segue moi presente na terceira xornada de Fitur, como un revulsivo tamén para o sector náutico galego. Iniciativas como a Ruta Iacobus Maris, unha gran peregrinación por mar, aspiran a contribuír á recuperación dos niveis de actividade previos á alerta sanitaria. Mario Cardama, presidente da Fundación Traslatio explica que "é a recreación da ruta que fixeron os restos de Santiago desde Jafa a Santiago, no medievo,e é para recrea resa ruta, fomentala como ruta xacobea, turismo e todas as actividades complementarias".
Despois de navegar, que mellor que tomar un respiro nun dos pulmóns naturais máis emblemáticos de Galicia, a Ribeira Sacra, que como explica Alexandra Seara, xerente do Consorcio de turismo Ribeira Sacra, ofrece "natureza, silencio, en definitiva tranquilidade, que e o que agora máis anhelan moitísimas persoas".
Pero ademais de camiñar ou ir en barco hai outras formas de percorrer Galicia. Por exemplo en bicicleta, por algunha das máis de 100 rutas que hai na comunidade. "Cremos no turismo sustentable, responsable e de cero emisións, e que mellor que facelo a golpe de bicicleta", di a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.
E como moitos camiños acaban en Santiago, a capital galega será tamén a meta da Volta 2021, que terá tres etapas galegas. Javier Guillén, director da Volta, di que "imos ser quen de amosar a Ribeira Sacra, as Rías Baixas, imos ter unha etapa de montaña cunha chegada en Mos moi atractiva, e despois unha crono decisiva saíndo de Padrón e chegando a Santiago de Compostela". É a terceira e última das xornadas profesionais en Fitur, que aspira a reactivar un sector con máis de cen mil millóns de perdas pola pandemia.