CRTVG

Buscar

O TSXG non ve agravante de xénero no home que degolou a súa muller na Coruña

Publicado o 11/05/2021 17:51
O TSXG non ve agravante de xénero no home que degolou a súa muller na Coruña
EFE

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rebaixou de 20 a 19 anos de cárcere a condena a un home que en xullo de 2018 degolou a súa muller no domicilio que compartían na rúa da Estrela, na Coruña, ao retirar a agravante por razóns de xénero.

A sala do civil e o penal do TSXG considera que non concorren os elementos necesarios para poder ter en conta, como na sentenza apelada, a agravante de xénero na súa actitude, indica o citado órgano xudicial. "É posible chegar a entender que na relación entre o condenado e a vítima puidese existir unha certa situación de subordinación, pero o que desde logo non resulta posible aceptar é que esa situación derivase dunha concepción determinada dos roles que cada un dos integrantes da parella asumise desde o seu propio xénero", subliña.

Así, indica que parece "que esa dependencia quizais estivese motivada polo estado de saúde da vítima e a súa necesidade de apoio na figura do seu compañeiro, á marxe dos roles que xustifican a apreciación da agravación derivados da desigualdade por razón de xénero". Ademais, o TSXG apunta que o tribunal do xurado "foi tallante ao rexeitar que a acción que axuizamos tivese como elemento determinante a condición de muller da vítima".

Na súa declaración na vista oral do xuízo en outubro pasado na sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña, o home alegou que "axudou" a súa muller para morrer porque ela "llo pediu", debido a que tiña unha "grave depresión".