CRTVG

Buscar

Tsunami Democràtic dá por rematados os tres días de bloqueo tras novos enfrontamentos en Salt

Publicado o 13/11/2019 15:19

A plataforma Tsunami Democràtic dá por rematados os tres días de bloqueo da autoestrada e anuncia novas accións. Hoxe as protestas trasladáronse a Salt, un municipio moi preto de Xirona, onde volveron levantar barricadas. 

Un forte dispositivo de Mossos e Policía Nacional remataba co bloqueo na AP-7 entre Salt e San Gregory, onde os independentistas respondían prendendo as barricadas de troncos de árbores, valados de obra e pneumáticos que lles serviron para cortar a vía durante máis de 16 horas. Foi unha noite longa para os ocupantes dos máis de cen vehículos que quedaron atrapados pola protesta. Moitos, camioneiros que se resenten das perdas.

Particulares e transportistas puideron seguir coa ruta despois de limpar a vía. E os furgóns policiais trasladáronse a Salt, un municipio limítrofe coa autoestrada, onde unha parte dos dispersados montou unha barricada fronte aos axentes antes de marchar cara a Xirona.

A Fiscalía insiste na prisión provisional dos CDR

A Fiscalía da Audiencia Nacional pediu manter en prisión provisional cinco membros dos Comités de Defensa da República investigados por delitos de pertenza a grupo terrorista, fabricación e tenza de explosivos, así como conspiración para causar estragos.

Esta mañá celebráronse na Audiencia Nacional as cinco vistas para estudar os recursos de apelación contra o auto de prisión presentados polas defensas. Os cinco están en prisión dende o pasado 26 de setembro. Ademais destes cinco, hai outros dous encarcerados coa mesma acusación. A Sección Segunda da Audiencia Nacional tamén revisará o auto de prisión.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/11/2019