CRTVG

Buscar

Antidisturbios dos Mossos empezan a desaloxar a AP-7 en Salt, Xirona

Publicado o 13/11/2019 11:09

• Centos de persoas seguen atrapadas polos colapsos de tráfico á altura de Xirona e nas entradas e saídas a Barcelona

Efectivos dos antidisturbios dos Mossos d'Esquadra empezaron a desaloxar o treito da AP-7 en Salt (Xirona) que permanece bloqueada polos CDR despois que Tsunami Demorcràtic desconvocara a convocatoria. Preto de 200 manifestantes seguían sobre o asfalto cunhas nove liñas de barricadas con troncos de árbores cortadas preto da vía, material de obra e pneumáticos, entre outros obxectos.

Xa onte, tras trinta horas de bloqueo pola protesta independentista, restablecíase o tráfico pola fronteira con Francia. Tras o desaloxo, Tsunami Democràtic convocaba outra protesta semellante en Xirona e tamén en Irún, no paso fronteirizo, que causou importantes retencións. Tamén houbo cortes de estradas nos accesos a Barcelona. A plataforma dá por rematados os tres días de protesta e anuncia novas accións.

Levantado o bloqueo na Jonquera, Tsunami Democràtic trasladaba os cortes de tráfico máis ao sur, entre Salt e Sant Gregori, en Xirona, e volvía colapsar o tráfico neste paso entre España e Francia.

A protesta independentista trasladouse tamén a Euskadi. A plataforma anónima fixo un chamamento a cortar a autoestrada AP-8 á altura da localidade guipuscoana de Iruña. Decenas de coches obstaculizaron o tráfico en Oiartzun. Houbo ata once quilómetros de retencións, ata Rentería.

Tamén houbo cortes nas estradas de acceso a Barcelona, na avenida Diagonal e na Ronda del Mig, na avenida Meridiana e no centro da Gran Vía, onde continúa a acampada de estudantes.

Estas novas protestas convocábanas tanto Tsunami coma os CDR tras o desaloxo da fronteira na Jonquera. Primeiro na AP-7 e logo pola tarde na nacional II, o desaloxo pola forza producíase tras 30 horas de bloqueo.

A policía francesa, apoiada polos Mossos d'Esquadra e a Garda Civil, despexaba a autoestrada a golpe de porras e gas pementa.

Houbo 19 detidos, 18 polos axentes franceses, que xa quedaron en liberdade, e un polos Mossos. Tamén quedou detido este camioneiro que tentou atropelar varios manifestantes.

Xa pola tarde, a circulación en ambos os dous sentidos tanto na AP-7 coma na nacional quedaba restablecida.

Nas últimas horas, o president Torra avalaba estas protestas, asegurando que forman parte da resposta de rexeitamento á sentenza do procés.

 

Noticias web

13/11/2019