CRTVG

Buscar

Trump xa está na Casa Branca

Publicado o 06/10/2020 08:20

O mandatario sacou a máscara antes de entrar na residencia oficial

Donald Trump xa está de volta na Casa Blanca despois de pedir a alta voluntaria no hospital militar no que estivo ingresado tres noites pola covid-19. O presidente dos Estados Unidos pediulles aos seus compatriotas que non teman o virus nun país no que xa faleceron máis de 210.000 persoas e que lidera os contaxios con 7,4 millóns de casos.

O continente americano está a ser duramente golpeado pola pandemia neste momento, especialmente no Brasil e en México, onde superan os 81.000 falecidos.

En Europa, o Goberno francés decretou o estado de alarma na capital. Dende hoxe, e durante quince días, aplicaranse novas restricións en París, que inclúen o peche dos bares e as universidades e os centros de ensino superior deberán limitar ao 50% a súa ocupación. Os restaurantes continúan abertos pero cun protocolo máis estrito.

Tamén aumentarán as medidas de contención en Irlanda, onde quedan prohibidos os desprazamentos entre condados, salvo por motivos laborais, e non poderán celebrarse reunións de máis de seis persoas.

Mentres, no Reino Unido tratan de reparar o erro que fixo que case 16.000 caos quedasen sen contabilizar e sen que se rastrexasen os seus contactos.