CRTVG

Buscar

Trump suspenderá temporalmente a inmigración aos EUA por causa da COVID-19

Publicado o 21/04/2020 07:10
Trump suspenderá temporalmente a inmigración aos EUA por causa da COVID-19

O presidente dos EUA, Donald Trump, anunciou este luns mediante Twitter que suspenderá temporalmente a inmigración ao país por causa da pandemia da COVID-19, aínda que non ofreceu detalles sobre a súa decisión.

"Á luz do ataque do inimigo invisible, e pola necesidade de protexer os traballos dos nosos GRANDES cidadáns estadounidenses, asinarei unha orde executiva para suspender temporalmente a inmigración aos Estados Unidos!", afirmou Trump nun chío.

Nin a Casa Branca nin o Departamento de Seguridade Nacional (DHS), encargado da xestión da inmigración, ofreceron detalles máis aló desa publicación do presidente, e xeraron desa maneira dúbidas sobre o efecto real que o anuncio poida ter.

Desde o inicio da pandemia, o Goberno de Trump pechou as fronteiras terrestres con Canadá e México, o tráfico aéreo internacional está na práctica suspendido e os consulados e embaixadas limitaron os seus servizos de visados.

Ademais, os EUA suspenderon leis migratorias e deportan de inmediato a México todos os solicitantes de asilo e os inmigrantes sen papeis que cruzan a súa fronteira. Daquela, o Goberno está a utilizar desde hai semanas a pandemia para endurecer a súa política migratoria.

Defensores dos dereitos dos inmigrantes manifestaron a súa preocupación por que o Goberno manteña máis aló da crise do coronavirus as medidas de emerxencia con que suspendeu leis migratorias.

O avogado Charles  Kuck, do bufete especializado en inmigración Kuck Baxter, dixo en Twitter que a Xustiza determinará que unha orde de Trump neste sentido é "completamente ilegal".

No seu chío, Trump fixo alusión á "protección" de traballos nun momento en que as medidas de confinamento contra o coronavirus destruíron 22 millóns de empregos en todo o país nun período de catro semanas, algo sen precedentes.

Con todo, a semana pasada o seu Goberno aprobou que inmigrantes con visados agrícolas poidan estender as súas estadías máis aló dos tres anos permitidos e que poidan cambiar de empregador para evitar así unha crise na cadea de subministración de alimentos.