CRTVG

Buscar

Trump reivindícase no seu discurso de despedida antes de deixar a Casa Branca

Publicado o 20/01/2021 12:55
Trump reivindícase no seu discurso de despedida antes de deixar a Casa Branca

O presidente saínte dos Estados Unidos, Donald Trump, reivindicou este martes o que será o seu legado como o 45º mandatario do país e quixo desmarcarse da violencia ocorrida hai dúas semanas no Capitolio, na véspera da súa saída da Casa Branca.

Apartado dos focos na última semana e vetado na súa principal vía de comunicación, a rede social Twitter, Trump fixo un percorrido nun vídeo de 19 minutos e 47 segundos de duración polos catro anos do seu mandato e presentouse como un presidente de unidade.

"Fixemos o que viñemos facer"

"Conforme conclúo o meu mandato como o 45º presidente dos Estados Unidos, preséntome ante vostedes orgulloso de verdade do que conseguimos xuntos. Fixemos o que viñemos facer e moito máis", asegurou ao principio da súa alocución, en que apareceu rodeado de catro bandeiras do país.

Desde o asalto ao Capitolio por parte de centos dos seus seguidores radicais, o pasado 6 de xaneiro, en que cinco persoas morreron, Trump apenas fixo aparicións públicas e permaneceu a maior parte do tempo recluído na Casa Branca.

No seu discurso fixo mención a ese ataque á sede do Congreso dos EUA e subliñou que, aínda que non hai que esquecer que os estadounidenses sempre terán os seus desacordos, esta é unha nación de "cidadáns incribles, decentes, leais e amantes de paz", que desexan o progreso do país.

"Todos os estadounidenses quedaron arrepiados polo asalto ao noso Capitolio. A violencia política é un ataque contra todo o que apreciamos como estadounidenses. Nunca pode ser tolerado", indicou  Trump.

Dobremente axuízado politicamente

Trump é o primeiro presidente dos Estados Unidos contra o que a cámara baixa aprobou en dúas ocasións acusacións para un xuízo político (a primeira en decembro de 2019 e a segunda a semana pasada).

Nesta última ocasión foi imputado politicamente por "incitar á insurrección" ao arengar os seus seguidores fronte á Casa Branca antes de irrompesen no Capitolio.

Espérase que a xefa da Cámara de Representantes, a demócrata Nancy Pelosi, entregue as acusacións de xuízo político contra Trump esta semana para o inicio do proceso de destitución no Senado.

A pesar de alimentar sen probas todo tipo de sospeitas de que houbo fraude electoral e de que a vitoria de Biden non foi lexítima, Trump instou á unidade no seu discurso de despedida.

"Máis ca nunca debemos unirnos arredor dos nosos valores compartidos e elevarnos por encima do rancor partidista, e forxar o noso destino común", dixo Trump, que se presentou como un outsider da política que se postulou á presidencia para escalar novos cumes.