CRTVG

Buscar

Trump chama morosa a Alemaña e reducirá alí as súas tropas ata que destine máis cartos á OTAN

Publicado o 15/06/2020 22:28

O presidente dos EUA, Donald Trump, anunciou este luns que reducirá o número de tropas estadounidenses nas súas bases en Alemaña e deixará alí só 25.000 soldados. En declaracións á prensa na Casa Branca, Trump dixo que Washington sacará parte das súas tropas ata que Berlín aumente as súas contribucións á OTAN.

"Ata que paguen imos retirar os nosos soldados, como a metade; quedarán por aí uns 25.000 e veremos a onde imos desde aí, pero Alemaña converteuse nunha morosa. Por que deberiamos seguir facendo nós o que facemos se eles non van pagar?", dixo o mandatario en declaracións á prensa.

Trump explicou que actualmente hai 52.000 militares nas bases alemás; o número inclúe uns 34.500 soldados en activo, e o resto empregados civís do Departamento de Defensa. A principios de xuño, medios estadounidenses aseguraron que o presidente quería que uns 25.000 soldados estadounidenses abandonasen Alemaña en setembro.

Con todo, Trump non fixou ningunha data para o comezo ou final do repregamento e tampouco explicou se eses soldados volverán aos EUA ou se despregarán a outros países europeos.

Trump asegurou que Berlín debe "miles de millóns de dólares" á OTAN e arremeteu contra Alemaña por destinar a defensa menos do 2 % do seu produto interior bruto (PIB). Hai anos, os países da Alianza fixaron o obxectivo de aumentar as súas contribucións ata o 2 % do PIB en 2024.

"Son morosos, deberon miles de millóns de dólares e isto foi durante anos, morosos, así que imos quitar un número de soldados, imos deixalo en 25.000. E veremos", dixo Trump. Alemaña é o país de Europa con máis tropas estadounidenses, seguido por Italia, O Reino Unido e España.

A presenza das tropas estadounidenses en Alemaña data da fin da Segunda Guerra Mundial. En tempos da Guerra Fría, consideráronse como unha forza de contención fronte á Unión Soviética, e esa foi tamén a percepción que se tiña delas por parte da República Federal de Alemaña (RFA).

 

 

Noticias web

15/06/2020