CRTVG

Buscar

Trump recoñece Xerusalén como capital de Israel, pese á oposición internacional

Publicado o 07/12/2017 08:19

• A xornada desenvólvese con protestas en Oriente Próximo

Desde España din que o estatus de Xerusalén debe decidirse a través do diálogo

Comeza unha xornada de protestas en Palestina ante a decisión de Donald Trump de recoñecer Xerusalén como capital de Israel. As reaccións non se fixeron esperar, e non só no mundo árabe. Toda a Comunidade Internacional é contraria a unha decisión que podería dinamitar o xa débil e lento proceso de paz na rexión. O presidente, Mahmud Abbas, xa lle respondeu a Donald Trump que non aceptarán a ocupación. 

Indignación e protestas en Xerusalem, con queimas de bandeiras americanas e fotografías do presidente Trump. Estados Unidos abandona o seu papel nos acordos de paz dos últimos decenios e opta expresamente por un dos bandos en conflito. É o que lle recrima o presidente palestino. Mahmud Abbas acusou a Trump de dinamitar os acordos internacionais para lexitimar a ocupación e a limpeza étnica.

O traslado da embaixada americaca desde Tel Aviv a Xerusalén podería levar tres anos, din agora desde a Casa Branca para tentar aplacar os ánimos, despois de que Trump recoñecese Xerusalem como capital de Israel.

O alcalde da cidade, o israelí Nir Barkat, aplaude a Trump por recoñecer 3.000 anos de historia. Antes fixérao o primeiro ministro, Netanyahu. Pero as rúas ferven e na comunidade internacional piden reflexión ante a posibilidade dunha nova escalada de violencia. 

"A decisión é vergoñenta e racista", di este cidadán. Para amosar o enfado por unha decisión que consideran inxusta, incendiaria e inmoral, Belén apaga o seu alumeado de Nadal. Outras cidades como Ankara ou Beirut tamén foron escenario de todo tipo de protestas. 

"A decisión significa que a mesquita de Al-Aqsa será o cuartel xeral dos xudeus sionistas. Como musulmán, nunca vou a aceptar a invasión dun dos nosos símbolos. É a nosa primeira `qibla´ (o lugar cara a onde orientan os rezos os musulmáns)".

Mañá o tema será analizado no Consello de Seguridade da ONU. O seu secretario xeral advertiu do perigo das decisións unilaterais: "Non hai alternativa á solución dos dous estados, non hai plan B", dixo Antonio Guterres.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/12/2017