Trump propón unha "solución realista" para Oriente Próximo coa oposición de Palestina
O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, presentou co primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, a sua proposta para resolver o conflito en Oriente Próximo. O plan de paz enterra as aspiracións palestinas, senta as bases para a anexion israelí dos asentamentos xudeus en Cisxordania e reafirma a soberanía de Israel sobre Xerusalén. Netanyahu recoñece que é un gran plan para Israel, e os palestinos cualificano como "a fraude do século".
O presidente palestino, Mahmud Abás, declarou hoxe que os palestinos "non cederán" ao plan de paz presentado por Trump, en Washington e que o acordo "non pasará". "Rexeitamos este acordo desde o principio, e a nosa posición era correcta cando nos negamos a esperar", dixo Abás tras unha reunión de urxencia co liderado palestino en Ramala. "Non nos agacharemos e non cederemos", engadiu.
Trump presentou hoxe unha proposta como marco de negociación entre israelís e palestinos que inclúe a anexión por parte de Israel de parte da Cisxordania ocupada, o recoñecemento de "dous Estados" e Xerusalén como "capital íntegra" israelí, aínda que os palestinos poderían ter o seu capital en parte da zona oriental da cidade.
O presidente palestino describiu o plan como "a labazada do século" e apostou por avanzar na reconciliación das faccións e a celebración de eleccións en Gaza, Cisxordania e "o corazón de Xerusalén", que non incluiría o plan. "Agora que escoitamos estas bobadas, dicimos mil veces que non ao acordo", insistiu, e adiantou que se manterán "firmes contra os esquemas e plans que están a chegar para poñer fin ao problema palestino".
O liderado palestino adiantara que rexeitarían calquera proposta que presentase os Estados Unidos, a quen non consideran mediador desde que este declarara Xerusalén como capital israelí e pechara a oficina da Organización para a Liberación de Palestina (OLP) en Washington.