O presidente queda só, cunha tépeda condena do asalto, e xa se fala de inhabilitalo
O presidente saínte dos Estados, Donald Trump, aínda que despois lles pediu aos manifestantes que se concentraron en Washington e que asaltaron o Capitolio de maneira violenta que "regresasen á casa en paz", xustificaba a irrupción no Capitolio insistindo en que lle "roubaron unhas eleccións" que dicía que gañou "por maioría".
Nun vídeo publicado en Twitter máis de dúas horas despois do asalto á sede do Lexislativo, Trump declarou: "Téñense que ir á casa agora, temos que ter paz; temos que ter lei e orde (...) Non queremos ninguén ferido, é un período moi difícil".
"Esta foi unha elección fraudulenta, pero non podemos facerlle o xogo a esta xente. Necesitamos paz, así que vaian á casa. Querémolos, son moi especiais", dixo o presidente, despois de que o mandatario electo, Joe Biden, cuxa vitoria debía quedar ratificada este mércores no Congreso, comparecese e pedise a Trump chamar ao cesamento da violencia.
Despois do asalto dos seus simpatizantes ao Capitolio, Trump emitira varias mensaxes nas que non foi crítico da violación violenta da sede lexislativa. Desta forma, a presidencia de Trump, sempre instalado na polémica, tocaba fondo, logo de alentar aos seus seguidores a participar nesta protesta.
Bloquean as contas en redes sociais de Trump
Redes sociais como Twitter ou Facebook tomaron unha iniciativa case inédita na súa existencia ao decidir nas últimas horas bloquear as contas do presidente saínte.
Twitter, a rede social favorita de Trump, comunicaba que eliminaba tres chíos do presidente saínte, e, en consecuencia, bloqueaba durante doce horas a conta. Se o propio Trump non os elimina, a conta seguirá conxelada.
Facebook tamén impediu que Trump publicase na súa plataforma durante 24 horas, indicou a compañía nunha nota que citan medios estadounidenses. Iso produciuse despois de que a rede eliminara un vídeo que publicou aos seus seguidores que participaron no asalto.
Trump tamén sufrirá un bloqueo de 24 horas na rede social Instagram, propiedade de Facebook.
Estudan a inhabilitación do presidente saínte
Algúns membros do gabinete do presidente Donald Trump e algúns lexisladores están a estudar a posibilidade de invocar a emenda 25 da Constitución alegando a súa incapacidade para servir no cargo e traspasar as funcións de presidente ao vicepresidente, Mike Pence, a pesar de que só quedan dúas semanas de mandato.
Segundo a CNN, varios membros do gabinete de goberno están a discutir a posibilidade de invocar a emenda 25 para forzar a saída inmediata de Trump, aínda que existen amplas dúbidas sobre si este proceso que contempla a Constitución prosperaría ou si é aconsellable nestes momentos.
Mentres tanto, varios membros do seu equipo na Casa Branca presentaron nas últimas horas as súas dimisións.