CRTVG

Buscar

Trump outórgalle o perdón a Flynn, o asesor que se declarara culpable de mentirlle ao FBI

Publicado o 25/11/2020 23:10
Trump outórgalle o perdón a Flynn, o asesor que se declarara culpable de mentirlle ao FBI

O presidente saínte dos Estados Unidos, Donald Trump, anunciou hoxe a concesión do perdón ao xeneral Michael T. Flynn, o seu primeiro asesor de seguridade nacional e quen se declarou culpable de mentir ao FBI sobre os seus contactos con axentes rusos.

"É a miña gran honra anunciar que se lle outorgou o perdón completo ao xeneral Michael T. Flynn. Felicidades a el e á súa marabillosa familia, sei que agora van ter un Acción de Grazas realmente fantástico", dixo Trump na súa conta de Twitter.

O de Flynn foi un dos casos máis importantes que xurdiron da investigación sobre a chamada "trama rusa" encabezada polo fiscal especial Robert Mueller, que concluíu en 2019 tras presentar cargos contra tres decenas de persoas pero sen probas dunha presunta conspiración electoral na contorna de Trump con Rusia.

Flynn, un xeneral que asesorou a Trump en política exterior durante a súa campaña electoral, durou apenas 24 días como asesor de seguridade nacional do mandatario unha vez que este chegou ao poder en xaneiro de 2017. O xeneral tivo que renunciar ao seu cargo tras coñecerse que mentiu ao vicepresidente de Estados Unidos, Mike Pence, e a outros altos cargos do Goberno sobre os seus contactos co embaixador ruso en Washington, Serguéi Kisliak.

A finais de 2017, Flynn declarouse culpable de mentir ao FBI sobre os seus contactos con Kisliak, pero despois retirou esa declaración e tratou de rexeitar os cargos, mentres os seus avogados argumentaban que houbo neglixencia entre os fiscais e investigadores que activaron o caso. 

Noticias web

25/11/2020