CRTVG

Buscar

Trump promételle a Boris Johnson un acordo comercial rápido tras o "brexit"

Publicado o 25/08/2019 14:17

Donald Trump parece erixirse unha vez máis en protagonista dun cumio do G-7 e marca o seu territorio á marxe das prácticas diplomáticas máis ortodoxas. Macron sinalaba onte que a guerra comercial entre os Estados Unidos e a China debe alcanzar unha "forma de desescalada" (esa foi a súa expresión literal) para evitar que afecte a todo o mundo e hoxe Trump aseguraba que ninguén lle pediu tal cousa. Explicou tamén que a posición de China é "indignante" por "levar centos de miles de millóns de dólares cada ano a través de prácticas comerciais ilícitas e roubo de propiedade intelectual".

O presidente estadounidense é consciente do delicado que resulta tamén o tema do brexit para os membros da Unión Europea presentes no cumio e hoxe respaldaba totalmente o premier británico, Boris Johnson, prometéndolle un acordo comercial rápido despois da saída do club comunitario.

"Faremos un trato fantástico unha vez que teñamos despexados algúns dos atrancos no noso camiño", sinalou Johnson. Corroborou Trump: "No que respecta ao Reino Unido e aos Estados Unidos, están traballando nun acordo comercial moi grande e creo que funcionará moi ben".

Pero tamén se coaron outras diverxencias nos corredores do cumio, que neste caso parten de Macron. O xefe do Estado francés cuestionou o acordo entre a Unión Europea e Mercosur ao entender que o presidente brasileiro Bolsonaro vulnera os compromisos ambientais asinados nese pacto por mor dos incendios na Amazonia. Nin Angela Merkel nin o presidente do Consello Europeo, Donald Tusk, son favorables a cuestionar o último acordo con Mercosur, asinado en xuño, aínda que critiquen o que sucede no territorio amazónico.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/08/2019