CRTVG

Buscar

Trump lanza un multimillonario paquete de estímulo fiscal

Publicado o 17/03/2020 23:37
Trump lanza un multimillonario paquete de estímulo fiscal

O Goberno do presidente estadounidense, Donald Trump, presentou este martes un enorme paquete de estímulo fiscal de preto de 1 billón de dólares. Nel, inclúese o envío de "cheques" con efectivo aos cidadáns "de maneira inmediata" para conter o impacto económico do coronavirus. "Estamos a estudar o envío de cheques aos estadounidenses de maneira inmediata (...) Os estadounidenses necesitan efectivo agora", asegurou Steven Mnuchin, secretario do Tesouro dos EUA, nunha confernecia de prensa na Casa Branca, ao adiantar algunhas das propostas do multimillonario plan de estímulo fiscal que presentará hoxe ao Congreso. "E (con iso) quero dicir nas próximas dúas semanas", afirmou Mnuchin, aínda que evitou dar unha cifra concreta da suma.

A proposta xa fora lanzada este luns polo senador e exaspirante republicano á Casa Branca en 2012 Mittt Romney, quen si que puxo un número: un cheque de 1.000 dólares a cada adulto para contrarrestar os efectos da epidemia. Os medios estadounidenses adiantaron que o paquete fiscal podería superar o billón de dólares entre aprazamentos do pago de impostos, asistencia a sectores especialmente afectados como as aeroliñas ou os hoteis, e a mencionada entrega de efectivo aos cidadáns. Este plan superaría ao lanzado para facer fronte á aguda crise financeira de 2008 pola Administración do daquela presidente Barack Obama de 700.000 millóns de dólares.