CRTVG

Buscar

Trump inicia o proceso para a retirada dos Estados Unidos da OMS

Publicado o 07/07/2020 22:40
Trump inicia o proceso para a retirada dos Estados Unidos da OMS

A Casa Branca anunciou este martes que iniciou o proceso para retirar os Estados Unidos da Organización Mundial da Saúde (OMS). O paso farase efectivo dentro dun ano e chega en plena pandemia da COVID-19. "O aviso da retirada dos Estados Unidos, que se fará efectiva o 6 de xullo de 2021, enviouse ao secretario xeral da ONU, que é o depositario da OMS", dixo un funcionario da Casa Branca.

O presidente, Donald Trump, xa anunciou a finais de maio a súa decisión de "romper" con esa organización internacional e de canalizar os fondos que lle achegaba "a outras necesidades urxentes de saúde pública no ámbito global".

O portavoz do secretario xeral da ONU, António Guterres, confirmou nun comunicado que recibiu a notificación este luns e que agora está "no proceso de verificar coa OMS se se cumpren todas as condicións para a retirada". Cando se sumou á OMS en 1948, Os Estados Unidos impuxeron "certas condicións para a súa posible retirada", que inclúen unha notificación previa dun ano e "o cumprimento total co pagamento das súas obrigas financeiras", explicou o portavoz de Guterres, Stéphane Dujarric.

O feito de que a medida non se faga efectiva ata dentro dun ano significa, ademais, que a retirada dos Estados Unidos podería deterse se Trump perde as eleccións presidenciais de novembro e o seu sucesor así o decide. "O que se faga agora pode cancelarse o ano que vén, porque non será definitivo", asegurou este martes un diplomático da ONU, que pediu o anonimato, á cadea televisiva CNN. 

Os EUA suman outros 60.209 contaxios e 1.114 mortos por COVID-19

Mentres tanto os Estados Unidos alcanzaron este martes a cifra de 2.991.351 casos confirmados de COVID-19 e a de 131.362 falecidos, de acordo co reconto independente da Universidade Johns Hopkins.

Este balance ás 20:00 hora local (00:00 GMT do mércores) é de 60.209 contaxios máis que o luns e de 1.114 novas mortes, e con iso supéranse por primeira vez desde o 10 de xuño os 1.000 falecidos nun día.

A cifra de novos contaxios superou por segunda vez en poucos días o récord de 60.000 arrastrada polos brotes en estados do sur e do oeste como Florida, Texas, California, Arizona e Xeorxia.

 

Noticias web

07/07/2020