CRTVG

Buscar

Trump impide aos estadounidenses aloxarse en hoteis cubanos e levar da illa ron e puros

Publicado o 23/09/2020 22:12
Trump impide aos estadounidenses aloxarse en hoteis cubanos e levar da illa ron e puros

O presidente cubano, Miguel Díaz-Canel, asegurou que o pobo cubano "non renunciará nunca á súa soberanía" e derrotará a "cruel e criminal política" dos Estados Unidos, que este mércores anunciou novas sancións contra a illa.

"Tal como denunciamos ante a AGNU (Asemblea Xeral de Nacións Unidas), o imperio anuncia novas medidas que violan os dereitos dos cubanos e tamén dos norteamericanos. A súa cruel e criminal política será derrotada polo noso pobo, que non renunciará nunca á súa soberanía", escribiu o mandatario en Twitter.

Horas antes, o presidente estadounidense, Donald Trump, anunciou que a súa Administración prohibirá aos seus cidadáns aloxarse nos hoteis da illa, todos estatais, e comprar tabaco ou alcol cubanos para levalos ao seu país. A pesar de que o embargo vixente desde hai seis décadas non permite a exportación de produtos cubanos ao país veciño, unha directiva do expresidente Barack Obama autorizou a que os viaxeiros puidesen regresar da illa cunha cantidade limitada de alcol e tabaco (habitualmente ron e os famosos cigarros puros) para consumo persoal.

O Goberno de Trump tamén ampliou as restricións de viaxe a Cuba, onde o turismo dos estadounidenses xa está prohibido, ao eliminar a autorización que permitía aos seus cidadáns "asistir ou organizar reunións profesionais ou conferencias en Cuba", algo que agora só permitirase en casos excepcionais, baixo petición. 

Noticias web

23/09/2020