CRTVG

Buscar

Discurso triunfante de Trump, só unhas horas antes do veredicto do 'Impeachment'

Publicado o 05/02/2020 08:11

Só unhas horas antes do veredicto sobre o Impeachment, o presidente dos Estados Unidos pronunciou o discurso anual do estado da Unión. Trump sacou peito polos logros económicos e polas súas propias expectativas electorais. No acto quedou patente o clima de hostilidade e polarización que sofre actualmente a política en Estados Unidos.

"O mellor está por chegar. Deus bendiga América", remata a intervención Donald Trump, mentres a presidenta do Congreso, a demócrata Nancy Pelosi, rompe en tres quendas o discurso do presidente, do que dixo que "é un discurso cheo de lixo e falsidades". Trump abandona o hemiciclo entre os aplausos dos seus, coa popularidade en cotas máximas: un 49%. Exhibe fachenda en contraposición ás dificultades dos demócratas nos caucus de Iowa, e ante a máis que previsible absolución do Senado pola trama Ucraína. Na cámara alta, mandan os seus.

No seu discurso abordou os temas habituais. Eloxiou o seu propio Goberno e gabouse a si mesmo polo tratado comercial coa China, e a reforma do de México e Canadá. E tamén pola morte de Soleimani. Relacionou outra vez a delincuencia coas migracións e gabouse dos logros económicos. "Inimaxinables hai moi pouco tempo. Nunca volveremos atrás", dixo. Mentres, a voceira democráta, a ascendente Gretcehn Whitmer, explicaba que "os feitos importan" e que, "mentres Trump fala do mercado de valores, moita xente non chega a fin de mes".

Non faltaron doses do que algúns analistas cualificaron como show televisivo: un premio a un locutor que padece cancro, o reencontro dun sarxento coa súa familia despois de sete meses en Afganistán ou as críticas a Nicolás Maduro, que propiciaron un aplauso case xeral a Guaidó, invitado na Cámara de Representantes.

Para parte da oposición demócrata, o Goberno de Trump é unha deshonra para o país. E algunhas destacadas congresistas, como Alexandria Ocasio, declinaron a súa asistencia para non lexitimar -dixo en Twitter- un presidente que non respecta a lei.

Saíu visiblemente molesta a presidenta do Congreso, Nancy Pelosi, despois de rachar os papeis de Trump, explicándolle á prensa que antes de comezar o discurso Trump se negou a saudala e deixouna coa man tendida.

 

Noticias web

05/02/2020