CRTVG

Buscar

Trump di que non permitirá a Twitter verificar os seus contidos

Publicado o 27/05/2020 07:29
Trump di que non permitirá a Twitter verificar os seus contidos

O presidente dos EUA, Donald Trump, asegurou este martes que non permitirá que Twitter interfira coa súa "liberdade de expresión" ao verificar o contido das súas mensaxes, algo que a rede social empezou a facer.

"Twitter está a interferir nas eleccións presidenciais de 2020. Din que a miña afirmación sobre o voto por correo, que provocará corrupción e fraude masivo, é incorrecta, baseándose en verificacións de noticias falsas", dixo Trump, precisamente nesa rede social. "Twitter -engadiu- está a reprimir por completo a liberdade de expresión, e eu, como presidente, non o permitirei!".

A dita rede social enlazou este martes por primeira vez unha mensaxe de Trump con información verificada que contradi o que o presidente publicara, un procedemento habitual pero que ata o de agora se resistiu a aplicar ao mandatario.

A alerta de Twitter produciuse despois de que Trump compartise unha mensaxe en que aseguraba que o voto por correo nas eleccións presidenciais de novembro nos EUA tería inevitablemente consecuencias fraudulentas e que derivaría nuns comicios amañados.

O presidente reaccionaba así á decisión do gobernador de California, o demócrata Gavin Newsom, de enviar papeletas de votación por correo a todos os votantes rexistrados do estado como medida excepcional ante a situación de pandemia pola COVID-19.

"Accede aquí aos datos sobre o voto por correo", foi a mensaxe que, en azul e precedido dun signo de exclamación, Twitter incrustou baixo os chíos de Trump. Ao facer click na alerta, a rede social redirixe a outra páxina dentro da plataforma na cal aparece en letras destacadas en negriña: "Trump asegura sen probas que o voto por correo derivará en fraude electoral". Na páxina cítase medios como CNN e The Washington Post.

Twitter é a rede social máis usada por Trump, a través da cal se comunica directamente cos seus simpatizantes sen pasar polo filtro tradicional dos medios, e nela acumula máis de oitenta millóns de seguidores.