Trump desata a polémica racial nos EUA mentres restrinxe as políticas de asilo
Lonxe de rectificar, o presidente dos Estados Unidos redobrou nas últimas horas os ataques ás catro congresistas demócratas de orixe hispana e afroamericana. Mentres dita unha nova orde para endurecer a política de asilo, Trump dilles a estas congresistas que marchen do país e acúsaas de non estar nunca contentas, de odiar os Estados Unidos e de simpatizar con Al Qaeda.
A presidenta da Cámara de Representantes, Nancy Pelosi, tenta pararlle os pés. Dille ao presidente que os seus comentarios mandando para o seu país catro congresistas demócratas de orixe hispana e afroamericana son xenófobos e lémbralle que a riqueza de Estados Unidos é a súa diversidade. Pero Trump reincide: "Un dos casos é alguén que chegou de Somalia, que é un estado frustrado, e agora é unha congresista que nunca está contenta. Esta xente na miña opinión odia o noso país e por iso deberían marchar", dixo.
Trump apunta á congresista demócrata Ilhan Omar -nacionalizada nos Estados Unidos desde a adolescencia- e mesmo a acusa de simpatizar con Al Qaeda. Ela négase a responder a un ataque que enmarca na axenda dos supremacistas brancos.
A polémica polas declaracións de Trump coincide cun novo endurecemento das políticas de asilo. Desde hoxe, os solicitantes de asilo que transiten antes por outros países non terán dereito a protección nos Estados Unidos. A nova orde colle 800.000 migrantes centroamericanos en tránsito.
"Todo o que queren é unha oportunidade para protexer as súas familias e vivir. Non sei que hai máis americano ca iso". Di Ayana Pressley, outra das congresistas á que Trump manda ao seu país, malia que naceu nos Estados Unidos.
Alexandra Ocassio lamenta: "O peor, señor presidente, é que os nenos están sendo separados dos seus pais diante dunha bandeira americana".
0 13% dos congresistas dos Estados Unidos proceden de familias migrantes, din os que critican a Trump. El mesmo, explican, ten unha nai escocesa e un avó alemán que chegou aos Estados Unidos a comezos do seculo XX.