A Casa Branca, sen dono tras unha xornada electoral que non ofrece gañador
• Trump denuncia fraude electoral e esixe parar o reconto; Biden acúsao de querer invalidar votos
• Máis de 8.000 galegos residentes nos EUA, pendentes do resultado electoral
O presidente dos EUA, Donald Trump, denunciou este mércores unha "fraude" electoral sen achegar probas e ameazou con recorrer ao Tribunal Supremo para deter o reconto de votos, mentres o seu rival, Joe Biden, pedía paciencia ata ter os resultados, algo que pode levar días.
A desafiante declaración de Trump pechou unha noite electoral marcada pola incerteza, co reconto aínda en marcha en, polo menos, cinco estados clave e sen que ningún dos dous candidatos alcanzara o mínimo de 270 delegados que dan as chaves da Casa Branca.
"Iremos ao Tribunal Supremo. Queremos que pare todo o proceso de votación", anunciou Trump cara ás 2:30 da mañá do mércores (6:30 GMT) desde a festa organizada na Casa Branca para uns 150 invitados.
Trump proclamou que el xa gañara "as eleccións", algo falso, posto que a situación está moi axustada en varios estados. Ademais, aseverou que se cometeu unha "fraude ao pobo estadounidense", sen achegar probas de que se estea interferindo nos procedementos legais de votación.
O mandatario tampouco aclarou como se materializou esa fraude, máis aló de afirmar que a oposición estaba "a tratar de quitar o dereito ao voto" aos seus simpatizantes, algo do que tampouco hai probas.
Resultados pendentes
As súas declaracións chegaron despois de que os estados clave de Pensilvania, Michigan e Wisconsin, avisaran de que necesitarían máis horas, e mesmo días, para contar todos os votos, debido en parte ao aumento do sufraxio por correo por mor da pandemia.
Cando Trump falou, tampouco estaban claros os resultados noutros dous estados clave, Xeorxia e Carolina do Norte, e as súas palabras confirmaron os temores de moitos estadounidenses de que o mandatario aceptase un reconto que se estendese máis aló da noite electoral, como leva semanas advertindo.
Desde hai meses, sementou desconfianza no voto por correo -a pesar de que non hai probas de que se poida levar a unha fraude xeneralizada-, e o pasado domingo adiantou que planeaba iniciar un litixio na estado clave de Pensilvania se este era axustado.
A campaña de Trump cuestionou os procedementos establecidos en Pensilvania, onde serán válidos os votos por correo que se reciban nos tres días posteriores a este martes, sempre que o cuño confirme que foron enviados dentro do prazo legal.
"Para min, este é un momento moi triste, e gañaremos isto. No que me concerne, xa gañamos", afirmou este mércores Trump, pouco antes de dar a palabra ao seu vicepresidente, Mike Pence, quen o contradixo ao comentar que esperaba que, unha vez completado o reconto, os resultados lles dean a vitoria.
Biden expresa optimismo
O discurso de Trump contrastou co que deu dúas horas antes o seu rival demócrata, quen compareceu brevemente xunto á súa esposa, Jill, para pedir aos seus seguidores que "manteñan a fe" e esperen con paciencia os resultados.
"Como dixen moitas veces, non é a miña responsabilidade ou a de Donald Trump declarar quen gañou estas eleccións, iso decídeno os estadounidenses, pero son optimista sobre o resultado", asegurou Biden desde Wilmington (Delaware), onde reside.
O Partido Demócrata confía en que, cando acabe o reconto, Biden teña arredor de 290 votos electorais, vinte máis dos necesarios para proclamarse presidente dos Estados Unidos.
Con todo, a sensación que quedou no Chase Center de Wilmington, que levaba todo o día preparándose para acoller nun aparcamento a posible festa de celebración da vitoria, tivo un resaibo amargo.
Tras menos de dez minutos de discurso de Biden, todo o mundo marchou para a casa despois de esperar durante horas nos seus vehículos e mantendo a distancia social.
Ningún chega a 270
A falta de que se coñezan resultados ou proxeccións dos medios de comunicación en Pensilvania, Michigan, Wisconsin, Xeorxia, Arizona e Alaska, Biden suma polo menos 236 compromisarios no Colexio Electoral, fronte aos 213 que acumulou Trump, no seu obxectivo común de chegar aos 270 que dan a vitoria.
Segundo as proxeccións mediáticas, Biden será o primeiro demócrata en gañar Arizona nunhas eleccións á Casa Branca desde 1996, mentres que Trump deixou claro o seu dominio na estado clave e rico en delegados da Florida, impulsado en parte polo voto de moitos estadounidenses de orixe cubana e venezolana.
Como hai catro anos, a ruta cara á Casa Branca de calquera deles pasará necesariamente polos estados clave de Pensilvania, Michigan en Wisconsin, que en 2016 impulsaron a Trump ao poder por unha estreita marxe de apenas 70.000 votos en total.