CRTVG

Buscar

Trump deféndese en Twitter e arremete contra medios tras a polémica

Publicado o 27/04/2020 07:58
Trump deféndese en Twitter e arremete contra medios tras a polémica

O presidente de Estados Unidos, Donald Trump, defendeu este domingo en Twitter a súa actuación fronte ao coronavirus e arremeteu contra medios de comunicación, tras a polémica desencadeada por unhas declaracións súas en que dixo que a COVID-19 podería tratarse inxectando desinfectante.

"A xente que me coñece e coñece a historia do noso país di que son o Presidente máis traballador na historia. Non o sei, pero son un duro traballador e probablemente fixen máis nestes tres anos e medio que calquera outro presidente na historia. As Noticias Falsas (en referencia aos medios) odian iso!", dixo o mandatario.

Agregou que traballa desde pola mañá cedo ata tarde pola noite: "Non deixei a Casa Branca en moitos meses (excepto para o lanzamento do buque hospital Comfort), para facerme cargo dos Acordos Comerciais, Reconstrución Militar, etc.".

"E entón leo unha historia falsa do New York Times sobre o meu horario de traballo e hábitos alimentarios, escrita por unha reporteira de terceira clase que non sabe nada sobre min", indicou. "Adoito quedar no Despacho Oval ata tarde pola noite, e leo e vexo que como unha hamburguesa con Coca Cola Light, iso sempre me asombra. Calquera cousa para desprezar".

Trump referíase a un artigo publicado o xoves polo diario neoiorquino, que cita unha decena de funcionarios e asesores próximos ao mandatario, en que se describían os seus hábitos durante o confinamento polo coronavirus na Casa Branca e como se sente frustrado porque non se ve reflectido como lle gustaría nos medios de comunicación.

Noutro fío de chíos, o presidente estadounidense arremeteu contra "todos os reporteiros" que recibiron "Premios Nobel", cuxo nome escribiu mal, Nobre no canto de Nobel, nunha aparente confusión destes galardóns cos Pulitzer, polo seu traballo sobre Rusia, en alusión á presunta inxerencia rusa nas eleccións de 2016; a estes pediulles que devolvan os seus premios e deixen que traballen os "xornalistas de verdade".

Trump publicou estas mensaxes durante unha fin de semana en que non realizou ningunha rolda de prensa sobre COVID-19, a pesar de que en anteriores dera algunha os domingos, e despois de que onte insinuase que as ía a cancelar tras a polémica dos desinfectantes.

O xoves Trump orixinou unha gran controversia tras propoñer nunha desas comparecencias, que entre semana foron ata o de agora diarias, que se investigase a posibilidade de tratar a enfermidade "inxectando desinfectante" no corpo humano, aínda que un día máis tarde alegou que fixera esas declaracións "sarcasticamente".