CRTVG

Buscar

Trump considera "absolutamente ridículo" a apertura doutro xuízo político

Publicado o 12/01/2021 17:31

O presidente saínte dos EUA, Donald Trump, considerou "absolutamente ridículo" que se lle vaia a abrir outro xuízo político no Congreso polo asalto ao Capitolio do pasado mércores e sinalou que está a causar "un tremendo enfado". 

Trump realizou estas declaracións aos xornalistas na Casa Branca pouco antes de saír de viaxe cara a Texas, onde visitará os labores de construción do muro fronteirizo, e no medio da tensión política que vive o país tras as caóticas xornadas da pasada semana. 

Ao seu xuízo, o proceso de destitución que anunciou a presidenta da Cámara de Representantes, a demócrata Nancy Pelosi, é "absolutamente ridículo" e "unha continuación da maior caza de bruxas da historia da política", algo que está a causar "un tremendo enfado". 

Os demócratas dixeron que acusarán o mandatario do cargo de "incitación á insurrección" Ante a pregunta de se pensa dimitir, como solicitou a oposición demócrata, Trump evitou dar unha resposta directa.  "Non queremos violencia", afirmou. 

Decreta o estado de emerxencia en Washington

Donald Trump, decreta o estado de emerxencia na cidade de Washington e no resto do distrito de Columbia. A medida estará en vigor ata o 24 de xaneiro e permitirá que a Axencia de Seguridade Nacional poida intervir en axuda das autoridades locais en caso de ser necesario. A decisión coincide cunha alerta do FBI polo risco de protestas armadas ante a toma de posesión de Joe Biden como novo presidente o vindeiro día 20.

Noticias web

12/01/2021