Trump confirma a morte do líder do Estado Islámico
A operación desenvolveuse no noroeste de Siria, nunha aldea próxima á fronteira turca.
Trump explicou que Al Bagdadi tratou de fuxir con tres dos seus fillos por un túnel e que ao verse acurralado fixo estoupar o chaleco explosivo que levaba, morrendo el e os tres pequenos.
"Morreu coma un can, morreu coma un covarde. Estaba xemendo, berrando e chorando".
O presidente dos Estados Unidos indicou que no ataque, aéreo e terrestre, ademais de Al Bagdadi caeron numerosos xihadistas, pero que non houbo baixas entre os comandos estadounidenses.
Trump subliñou que os seus homes actuaron sós, pero que a operación non sería posible sen a axuda doutros países.
"Quero darlles as grazas a Rusia, Turquía, Siria e Iraq e tamén aos kurdosirios por certo apoio que puideron darnos".
Curiosamente, un dos países aos que agradecía a axuda, Rusia, puxo en dúbida a morte de Al Bagdadi.
Bagdadi, o líder do grupo xihadista máis perigoso da última década, era o terrorista máis buscado desde a morte de Osama bin Laden. Amparou a asasinato de miles de civís por motivos relixiosos, impuxo nos seus dominios un réxime teocrático con usos medievais e proclamou un califato para exportar a súa guerra por todo o mundo.