CRTVG

Buscar

Peña Nieto cancela a súa viaxe aos Estados Unidos tras a ameaza de Trump

Publicado o 26/01/2017 16:22

Trump ameazou con anular a cita con Peña Nieto se non paga o muro. O presidente de México reiterou que o seu país non pagará os custos da construción dun muro na fronteira entre os dous países, tal e como pretende o presidente estadounidense

Crece a tensión entre os Estados Unidos e México a conta do muro fronteirizo. O presidente Peña Nieto decidiu cancelar unha xuntanza con Donald Trump que se ía celebrar o martes na Casa Branca. Trump advertiulle a Peña Nieto que non haberá outra reunión ata que México trate ao país con respecto.

Peña Nieto anunciou nun chío que cancela a xuntanza con Trump. En México había unha forte presión para que non viaxase a Washington despois de que Trump ordenara a construción do muro fronteirizo e insistise en que México será o que acabará asumindo a factura. 

"Lamento e reprobo a decisión dos EUA de continuar a construción dun valado que desde hai anos, lonxe de unirnos, nos divide. México non cre en valados, díxeno unha e outra vez, México non pagará ningún valado." 

De feito pouco antes da decisión de Peña Nieto, era Trump o que ameazaba, tamén en Twitter, con cancelar a xuntanza se México non pagaba o muro

Segundo a versión de Trump, ambos acordaron cancelar a xuntanza porque ía ser estéril. Dende Filadelfia, onde asiste a unha xuntanza de congresistas republicanos, advertiu que non reunirá con Peña Nieto ata que México trate o país con respecto.  

Con todo, é o Congreso o que debe autorizar e financiar a construción do muro. Os líderes republicanos estiman que custará 15.000 millóns de dólares e están dispostos a facer axustes nos orzamentos para cumprir coa promesa electoral. 

A construción do muro é tan só a primeira das medidas que Trump pensa tomar para frear a entrada de inmigrantes e refuxiados, sobre todo, bloquear os de procedencia musulmá. Ademais asegurou que estudará recuperar as torturas nos interrogatorios. "O afogamento simulado e cousas moito peores funcionan na loita contra o terrorismo", asegurou nunha entrevista. 
Ademais, hoxe firmará a orde para investigar unha presunta fraude nas eleccións da que, de momento, non achegou probas. Trump denuncia que entre 3 e 5 millóns de votos ilegais lle permitiron a Clinton gañar o sufraxio popular. 

"Se México non está disposto a pagar o tan necesario muro, entón sería mellor cancelar a inminente reunión", sinalou Trump na súa conta persoal de Twitter.     

 

 

 



Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/01/2017