CRTVG

Buscar

Troteiros, felos, pantallas e cigarróns saíron xa esta fin de semana previa aos días grandes do Entroido

Publicado o 17/02/2020 12:37

Son os troteiros, esta fin de semana sairon polas rúas de Bande. Os veciños agardábanos coas portas abertas e petiscos.

Unha mostra dos entroidos que levan vida ao rural, como o que viviron en Carguizoi, que celebraron por cuarto ano o fiadeiro. Tentan recuperar así as mascaradas que había por estas terras de Maceda e por boa parte do rural ourensán. Os convidados foron os peliqueiros de Campobecerros e o felos, que fixeron, coma sempre, sorrir coas súas brincadeiras e bo humor. E, como nos entroidos de antano, non faltou boa comida e música tradicional.

Estas son as pantallas de Xinzo, no Domingo Corredoiro tamén tivemos a oportunidade de velas. Mesturadas xa con centos de persoas disfrazadas facendo gala xa do humor e a desmesura que caracteriza o entroido.

E estes son os cigarróns de Verín. Deixáronse ver centos deles no seu día. Agardaron os fieis na misa e fixeron soar as chocas nun espectáculo que mantivo a atención de cantos se achegaron a vila a participar da súa festa.

É so o comezo, foi a fin de semana previa ao Entroido. Agora quedan por díante os días grandes, dende o xoves de comadres ata o martes que ven sucederanse as citas por numerosos recunchos da provincia. Serán días de troula e sen normas. Así que avisados quedan, xa saben ata que o corpo aguante.

Noticias web

17/02/2020