CRTVG

Buscar

Trinta policías impedirán o botellón nos xardíns de Méndez Núñez

Publicado o 30/01/2020 14:35

Hai once anos que os mozos comezaron a concentrarse nos emblemáticos Xardíns de Méndez Núñez para facer botellón. Porén esta noite xa non poderán. Trinta policías locais chegarán aquí ás dez da noite para impedírllelo. 

"Non estaremos exclusivamente no parque. Dispoñemos tamén de 8 vehículos e cámaras de vixilancia para controlar que non marchen facelo a outro sitio...", di José Antonio Brandariz, xefe da Policía Local. 

Os coruñeses celebran esta prohibición. De feito os servizos de limpeza calculan que teñen que retirar preto de tres toneladas de lixo cada noite de botellón. Agora a área foi declarada zona especialmente protexida polo que a policía poderá poñer multas de entre 200 e 3.000 euros.

Moitos mozos dos que acoden aquí para facer botellón están informados de que a partir desta noite está prohibido, pero xa buscan alternativas.

E precisamente iso é o que lles preocupa aos veciños do barrio do Orzán. A Policía Local agarda que esta noite, a primeira en que o botellón está prohibido, sexa tranquila por mor do tempo chuvioso.


 

Noticias web

30/01/2020