CRTVG

Buscar

Trinta marroquís entran en Melilla tras seis asaltos ao valado

Publicado o 21/05/2021 15:22

O exército español vixía a fronteira en Melilla. A noite pasada, centos de marroquís intentaron, en ata seis asaltos, franquear este dobre valado de seis metros de altura. Trinta deles conseguiron pasar á cidade autónoma. O Goberno central cre que non se trata dunha nova reacción de Marrocos contra España. Segundo a vicepresidenta Carmen Calvo: "Marrocos está facendo agora o seu traballo e que isto forma parte dos episodios que de vez en cando ocorren".

En Ceuta, a policía patrulla as rúas para localizar os inmigrantes que aínda deambulan pola cidade. Ao tempo, continúan as devolucións, corenta cada dúas horas. 6.500 adultos xa volveron a Marrocos. Tamén se axiliza o retorno dos menores que son reclamados dende o outro lado da fronteira. O Goberno ceutí recibiu máis de catro mil chamadas de familias que buscan os seus fillos. O ministro do Interior Fernando Grande-Marlaska nega que sexan devolucións en quente e cualifícaas de "rexeitamentos en fronteira". Hoxe tamén soubemos que o cadáver que apareceu o xoves na praia do Tarajal corresponde a un mozo magrebí de dezaseis anos.

Pola súa banda, o Partido Popular pídelle ao presidente do Goberno que dea explicacións do acontecido. Para José Luis Martínez-Almeida, voceiro nacional do PP, "a gravidade do que vimos na última semana merece que, antes de falar do 2050 aos españois, nos explicara como é posible o que sucedeu esta semana en Ceuta".


 

Noticias web

21/05/2021