CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía FDS

Trescentos ciclistas nunha ruta solidaria a favor de Asotrame

Publicado o 28/06/2015 14:55





Trescentos ciclistas déronse cita esta mañá en Mugardos para participar nun ruta solidaria a favor de Asotrame, a Asociación de Trasplantados de Médula Ósea de Galicia. A agrupación aproveita os eventos deportivos para informar sobre a doazón de médula ósea. O recadado vai destinado á investigación sobre cancro.

Son as nove da mañá cando os trescentos cinco ciclistas que acudiron á cita solidaria organizada polo clube Pulpeiros BTT de Mugardos botan a rodar. Por diante teñen unha ruta de 57 quilómetros que percorre dúas rías, a de Ares e a de Ferrol.

"O valor paisaxístico que ten é enorme. Cando saimos da zona de Mugardos e imos cara Monte fAron, na subida vemos a entrada da ría de Ferrol e despois cara a Ares imos pola costa de Ares e divisamos toda a ría de Ares, a zona de Coruña e a verdade é que é unha ruta costeira moi bonita", sinala Ramón Romero, o presidente de Pulpeiros BTT do Clube do Mar de Mugardos.

O valor da ruta vai esta vez máis alá da propia paisaxe. Hai un fin solidario, de colaboración coa Asociación de Trasplantados de Médula Ósea de Galicia, Asotrame. Igual que no verán organizan outro percorrido a favor de Cruz Vermella.
Asotrame axuda a pacientes e familiares de cancros hematolóxicos e participa en diferentes actos para informar da importancia da doazón de médula ósea.

"Todo tipo de eventos deportivos é un escenario moi bo para facer posibles donantes, xa que é xente sana, deportista, e son un potencial para axudar e salvar vidas", explica Cristina Piñeiro, presidenta de Asotrame.

Asotrame destina fondos a proxectos de investigación de loita contra o cancro. A última doazón, de 3.000 euros, foi para a Fundación Ramón Domínguez. Só contan coas aportacións dos socios e coa recadación de actos coma o de hoxe. Precisan ademais voluntarios para poder ampliar o seu traballo por toda Galicia.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí