CRTVG

Buscar

Tres xubilados de Viveiro quedaron atrapados no Brasil, onde foran de vacacións

Publicado o 31/05/2020 09:30

A algúns viaxeiros a crise sanitaria mundial sorprendeunos fóra do seu país. Historias persoais nas que acadar o camiño de volta á casa ás veces está cheo de atrancos. É o que lles acontece a tres xubilados de Viveiro: foron en febreiro de vacacións ao Brasil e están atrapados no epicentro actual da pandemia. 

Andrés ten 76 anos. A comezos de febreiro deixou atrás o inverno galego e marchou ao Brasil de vacacións. Cos seus amigos octoxenarios Alberto e Antonia ían estar en Recife, Pernanbuco, ata finais de abril. Pero cancelado o seu voo de regreso por mor da pandemia, e necesitando ademais atención médica, quéixanse de que por máis axuda que pediron no consulado español, non conseguiron ver saída á súa situación ata que contactaron cunha amizade brasileira.

Teñen previsto regresar o 12 de xuño, e vai ser unha odisea de 46 horas. Con tres voos diferentes, unha escala no aeroporto de San Paulo de 20 horas, e un camiño final por estrada confiando en que a fronteira entre Portugal e España estea aberta por esas datas.

Con certa tranquilidade, na familia de Andrés o que non entenden é a desatención das embaixadas nesta crise mundial.

Non agachan tamén certa preocupación, xa que na actualidade O Brasil é o país en que está a golpear máis duramente o coronavirus. Na última xornada rexistrou trinta mil contaxios novos e máis de mil mortos nun mesmo día. Un foco da pandemia que Andrés agarda abandonar axiña e regresar aoo seu fogar en Viveiro.

Noticias web

31/05/2020