CRTVG

Buscar

Tres vítimas de furtos amorosos en Pontevedra e en Marín

Publicado o 21/05/2019 14:26

Coa chegada da calor, reactívanse os denominados furtos amorosos. As xoias e reloxos van máis á vista e os ladróns róubanos engaiolando as súas vítimas con abrazos. 

Tres persoas de 72, 80 e 83 anos denunciaron furtos amorosos nos últimos días en Pontevedra cidade e en Marín. Os ladróns fixéronse cun cordón de ouro, unha cadea e un reloxo valorados, en total, en máis de 3.500 euros.

"Cando chega esta época proliferan pola zona porque imos máis descubertos e eles saben calificar as xoias de gran valor. Ao levar os brazos descubertos e demais ven os reloxos, os cordóns, as cadeas... e achéganse con calquera excusa. Nestes casos, dous en Pontevedra e un en Marín, a muller achegábase aos maiores dicíndolles que lle recordaban os seus avós", explica Paula Novas, a voceira da Policía Nacional de Pontevedra.

As vítimas adoitan ser homes de 70 a 80 anos, pero tamén hai mulleres.

"Xa sei, xa sei. Xa lle pasou a moitas, de darlle un abrazo moi grande e quitarlle a cadea de ouro e todo. E outra, unha señora maior, que lle dixo 'leva uns pendentes moi bos', e quitoullos e largouse", comenta unha veciña de Pontevedra.

A policía aconsella non exhibir as xoias e desconfiar dos descoñecidos que se achegan con calquera escusa. A unha das últimas vítimas abordárona para pedirlle roupa usada para persoas necesitadas.

Segundo a Policía Nacional, este tipo de bandas traballa de xeito itinerante e organizado e distribúense por todo o territorio.

Noticias web

21/05/2019