Tres positivos en Beariz vencellados co importado dende México
En Vigo continúa o rastrexo de todas as persoas coas que tivo contacto o home que chegou en autobús desde Madrid. Ingresou directamente na UCI. Mentres, no concello ourensán de Beariz, detectaron tres positivos relacionados cun caso importado de México
O home de 44 anos chegou en autobús a Vigo desde Madrid e foi directamente ao servizo de urxencias do Álvaro Cunqueiro.
As autoridades sanitarias activaron o protocolo de rastrexo para localizar todos os contactos do paciente, comezando polos que viaxaron canda el no autobús. O Sergas reclámalle ao Ministerio de Sanidade información sobre os casos de viaxeiros que cheguen a estacións ou aeroportos desde zonas de alta incidencia do virus.
En Ourense detectouse outro caso importado. É unha muller procedente de México que ingresou no hospital para facer unha cirurxía. Non tiña síntomas de Covid-19, pero ao facer as probas para entrar en quirófano deu positivo. Tres contactos próximos, residentes en Beariz deron positivo e permanecen illados nos seus domicilios. Por precaución, a residencia de maiores deste concello decidiu suspender as visitas.