CRTVG

Buscar

Tráxica fin de semana nas estradas galegas: falecen tres persoas en accidentes

Publicado o 08/08/2021 20:52

O terceiro accidente mortal da fin de semana producíase neste punto da estrada N-550, que une Padrón con Caldas de Reis, no concello de Valga. Por causas que se descoñecen, o vehículo saíu da vía, nun tramo recto na zona da Medela e foi bater contra un poste da luz. O condutor e único ocupamente, quedou atrapado no interior do coche. Os servizos de emerxencias tiveron que retirar o teito do turismo, para poder rescatar o home, pero nada puideron facer por salvarlle a vida. A vítima, de 57 anos ,era veciño de Pontecesures.

Outro home de 39 anos morreu esta madrugada nun sinistro en Mazaricos. Dous vehículos bateron na estrada local que une os lugares de Eirón e Cuíña. Os bombeiros de Santa Comba tiveron que intervir para liberar a vítima, que quedou atrapada no interior do turismo. Segundo transcendeu, o falecido non levaba posto o cinto de seguridade. O condutor do outro coche foi trasladado a un hospital. O accidente rexistrouse á unha e media da mañá, a poucos quilometros da vivenda do falecido.

E na autoestrada AP-9, á altura da área de Servizo de Ordes, unha muller de 49 anos morreu tras ser atropelada. Descoñécense os motivos polos que a vítima se atopaba na vía. O suceso, que permanece en investigación, foi o venres e a intervención do helicópetero medicalizado obrigou a cortar o tráfico.


 

Noticias web

08/08/2021