Tres ovellas mortas na vaga de ataques de lobo en Ourol
Son dúas ovellas e un carneiro os que matou o lobo en pleno centro de Ourol, a escasos metros das vivendas e a casa do concello. Nin os coches que pasan pola zona, nin a luz dos farois, nin o balado de pedra serviron para defender os animais. O lobo entrou por un lateral e tivo tempo de matar e devorar o gando, que non puido fuxir. Este ataque tan preto das vivendas xa causa alarma no concello mariñán.
Nas últimas semanas os ataques dos lobos multiplicáronse en Ourol. Por iso, nos prados apenas se ven cabezas de gando e as estradas e mobiliario urbano están cheas de pintadas que advirten da presenza do lobo. Ovellas, vacas e cabalos pero tamén cans foron víctimas do que os afectados xa consideran unha praga. Incluso se teme que poidan atacar as persoas, tendo en conta que cada vez actúan máis preto das vivendas.
As grandes superficies de monte que hai en Ourol son o mellor acubillo para os lobos. Os gandeiros din que levan meses sen recoller un só poldro dos que crían neses montes porque o lobo os mata segundo paren as eguas.