CRTVG

Buscar

Detectan tres gromos en Vigo, Salvaterra e no Val Miñor, e illan 40 xornaleiros en Cospeito

Publicado o 10/08/2020 21:02

• Instalan un punto móbil de probas PCR na Coruña, que afronta as novas restricións sen incidencias: os cidadáns respectan as normas

Na área sanitaria de Vigo hai tres novos gromos. Nunha reunión de amigos no Val Miñor contaxiáronse 7 persoas. Por precaución prohibíronse as visitas en dúas residencias de Gondomar. Un gromo familiar afecta tres persoas en Salvaterra de Miño e hai outro en Vigo a raíz dunha viaxe fóra de Galicia con 4 afectados.

A área sanitaria da Coruña-Cee rexistra 371 dos 670 casos de coronavirus de toda Galicia. Nas últimas horas sumou 69 dos 97 novos positivos diagnosticados na comunidade. Na cidade o gromo detectado na residencia de maiores Domusvi de Matogrande mantense con tres positivos. Tamén continúa estable o de Arteixo, con 58 casos.

Está estabilizado con sete casos, os mesmos desde o venres, o gromo de Vimianzo, aínda que prosegue o rastrexo de contactos das persoas infectadas.

Cada día aparecen gromos novos en Galicia, moitos vinculados a encontros familiares, a maioría deles importados. É o caso do detectado no concello ourensán de San Cibrao das Viñas ao facerlle unha proba preventiva a unha muller de 82 anos procedente de Venezuela. Ademais dela contaxiáronse tres familiares de 97, 85 e 69 anos.

En Lugo o positivo dun xornaleiro nos invernadoiros de Arneiro, en Cospeito, provocou o illamento de 40 persoas. Parte deles son temporeiros aloxados nunha pensión de Castro de Ribeiras de Lea, onde agardan o resultado das probas.

Noticias web

10/08/2020