CRTVG

Buscar

Tres novas dimisións no PSdeG coruñés polo conflito das listas electorais

Publicado o 21/03/2019 15:20

As imposicións na lista dos socialistas ás próximas eleccións municipais manteñen aínda no aire o cabeza de lista de Ferrol. Ángel Mato ve marxe para os cambios e poder ofrecer, di, unha candidatura cohesionada e sen elementos discordantes. Mentres, pídelle explicacións á dirección do partido. 

Ángel Mato, candidato á alcaldía de Ferrol: "Despois de obter o apoio da militancia, a asemblea de Ferrol e a asemblea provincial, necesito unha explicación de por que dunha forma discrecional se tomou esa decisión sen falar comigo".

No caso da Coruña sobn xa catro as baixas, unha das máis destacadas é a de Rosa Barreiro, unha histórica dirixente veciñal que abandona a candidatura e a executiva local desencantada e desilusionada. 

Rosa Barreiro, militante do PSdeG: "Pedro Sánchez foi ilusionante porque foi elixido pola militancia. Por iso non entendo por que agora non, ao igual que moitos compañeiros e compañeiras".

Desde o Parlamento, o deputado socialista Luis Álvarez, di que todo o proceso se axusta á normativa e que os votos dos militantes son tan só unha orientación.

Luis Álvarez, deputado do PSdeG: "Entendo que as críticas obedecen mais a que unha parte da militancia cría que as listas se ían confeccionar en base aos votos cando está claramente escrito que esas son propostas e, como tal, susceptibles de ser modificadas".

En Ourense segue sen desvelarse quen vai liderar a candidatura socialista para as municipais. Perfílase o secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino, para substituír a Barquero. Á renuncia de Barquero sumáronse nas últimas horas a do número tres da lista, Celso Campos, e a da número oito, Eva Maldonado, e a dun edil próximo a Barquero, García Tejerina.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/03/2019