CRTVG

Buscar

Tres mortos nas estradas galegas na fin de semana

Publicado o 09/08/2021 11:58

O terceiro accidente mortal da fin de semana produciase neste punto da estrada N-550, que une Padrón con Caldas de Reis, no concello de Valga. Por causas que se descoñecen, o vehículo saíu da vía, nun tramo recto na zona da Medela e foi bater contra un poste da luz. O condutor e único ocupamente quedou atrapado no interior do coche. Os servizos de emerxencias tiveron que retirar o teito do turismo para poder rescatar o home, pero non puideron facer nada por salvarlle a vida. A vítima, de 57 anos, era veciño de Pontecesures.

Outro home de 39 anos morreu na madrugada do sábado ao domingo nun sinistro en Mazaricos. Dous vehículos bateron na estrada local que une os lugares de Eirón e Cuíña. Os bombeiros de Santa Comba tiveron que intervir para liberar a vítima que quedou atrapada no interior do turismo. Segundo transcendeu, o falecido non levaba posto o cinto de seguridade. O condutor do outro coche foi trasladado ao hospital. O accidente rexistrouse á unha e media da mañá, a poucos quilometros da vivenda do falecido.

E na autoestrada AP-9, á altura da área de servizo de Ordes, unha muller de 49 anos morreu tras ser atropelada. Investíganse os motivos polos que a vítima se atopaba na vía. A intervención do helicóptero medicalizado obrigou a cortar o tráfico.

 

Noticias web

09/08/2021