CRTVG

Buscar

Tres mortos e varios feridos tras unha marcha racista en Virxinia

Publicado o 13/08/2017 15:00

Unha das mortes produciuse cando un automóbil atropelou un grupo de opositores á manifestación e as outras dúas ao estrelarse un helicóptero policial 

 

A marcha de brancos supremacistas deixou na cidade estadounidense de Charlottesville tres falecidos e uns 35 feridos.

Unha das mortes producíase cando un coche ía contra a multitude e atropelaba premeditadamente un grupo de opositores á manifestación. A falecida é unha muller de 32 anos.

O suceso ocorría pouco despois de que o gobernador de Virxinia declarara o estado de emerxencia na cidade polos enfrontamentos e cando a policía xa comezara a dispersar a multitude.

O condutor do vehículo é un mozo de 20 anos natural de Ohio. James Alex Fields foi detido tras o atropelo. Permanece no cárcere do condado. A última hora da noite as autoridades estadounidenses acusárono formalmente de asasinato en segundo grao.

As rúas de Charlottesville, unha poboación de apenas 40.000 habitantes, convertíanse onte nun campo de batalla entre manifestantes de extrema dereita e un grupo a prol da diversidade étnica do país. 

Nunha declaración ante os medios o gobernador dicíalles aos supremacistas: "Ídevos a casa. Non sodes queridos nesta marabillosa cidade"

Os outros dous falecidos son dous axentes que supervisaban os incidentes. O helicópetro da policía estatal no que viaxaban estrelábase ás aforas de Charlottesville.

Nunha breve comparecencia Donald Trump reprobaba os feitos violentos, dun xeito que lle carrexaba críticas de demócratas e republicanos. "Condenamos nos termos máis contundentes esta atroz mostra de fanatismo, racismo e violencia... por múltiples partes", dixo. 

E mentres, Barack Obama colgaba na súa conta de Twitter esta fotografía co texto "ninguén nace odiando a outra persoa pola cor da súa pel ou a súa relixión".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/08/2017