CRTVG

Buscar

A Revista

Tres mil golfiños pescan xuntos na costa galega e un grupo de científicos logra documentalo

Publicado o 10/07/2018 12:48

Nunca se vira tal cousa nas costas de Galicia, polo menos nunca se documentou. Unha manda de tres mil golfiños comúns pescaron días atrás nas costas de Galicia e fixeron ferver o mar. A especie máis habitual no noso litoral é o golfiño mular. De aí, a sorpresa do grupo de científicos que os avistou á altura das illas Cíes.

Aínda que na imaxe non o pareza, son case catro quilómetros de mar ateigados de golfiños comúns cabriolando mentres pescan a toda velocidade. Van detrás dos abondosos bancos de luras, lirios, bocartes ou xoubas que hai na rica plataforma continental galega.

Imaxinen a sorpresa e a delicia dos científicos do Instituto para o Estudo dos Golfiños Mulares que saíu nunha exposición rutineira desde unhas das súas bases, no Grove.

Sorpresa porque é unha cifra asombrosa nestas augas, para nós é un fenómeno case único algo habitual en California ou Suráfrica.

Toparon co espectáculo a unhas dez millas das Illas Cíes. Ademais, os nosos visitantes adoitan ser golfiños mulares, non comúns, como neste caso. E o grupo máis numeroso visto ata hoxe fora duns mil individuos.

Os privilexiados que asistiron en vivo ao espectáculo aseguran que as imaxes gravadas non lle fan nin de lonxe xustiza á realidade. E a realidade tamén é que debemos facer todo o posible por preservar esta marabilla da vida salvaxe.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

A Revista

10/07/2018