CRTVG

Buscar

Tres goles de Stuani acaban co Lugo

Publicado o 08/12/2019 19:55

O uruguaio suma dezaseis en quince partidos

A pelota do Xirona-Lugo caeu do lado de Stuani, que ao final foi con ela para a casa.

Colleuna no primeiro minuto, aproveitando unha indecisión entre Djaló e Cantero, e xa non a soltou.

A xogada favoreceu os intereses cataláns e condicionou os do Lugo, que se vían cun gol en contra nada máis saír da caseta.

Eloy Jiménez, adestrador do C. D. Lugo. "É verdade que contra este equipo pódete penalizar máis porque cando son capaces de filtrar, de xirarse, de buscar intensidade e entrar en campo contrario, pois é un equipo que ten unha capacidade de definir importante".

Precisamente, Stuani recibiu un pase filtrado que converteu en gol, pero o VAR encargouse de anulalo por fóra de xogo do dianteiro uruguaio.

O Lugo reaccionou timidamente, coma neste disparo de Tete Morente, pero as perdas e a calidade do Xirona acabaron por sacalo do partido.

Un penalti por man de Jaume Grau custoulle o cartón amarelo e prologou o dous a cero marcado por Stuani ao estilo Panenka.

E sete minutos despois, o propio Grau viu o segundo nesta dura entrada que deixaba o seu equipo con dez e con dous a cero en contra.

Eloy Jiménez, adestrador do C.D. Lugo: "Sae con moito ímpeto, é complicado, no penalti non pode facer nada, xira, dálle na man e na outra acción, pois ben...".

Stuani encargouse de pechar definitivamente o partido no minuto oitenta ao aproveitar a cesión de Maffeo tras roubarlle a pelota a Leuko.

Décimo sexto gol do dianteiro en quince partidos, 57 nas dúas temporadas e media que leva no Xirona.

Eloy Jiménez, adestrador do C.D. Lugo: "Temos un xogador diferencial, un xogador que fixo un número importante de goles en Primeira División, como non os vai facer en Segunda".

O gol de Iriome no engadido a centro do debutante Chiqui maqueou o resultado final de tres a un a favor de Stuani.

Noticias web

08/12/2019