CRTVG

Buscar

Tres galegas crean un dispositivo que facilita o acceso á educación en todo o mundo

Publicado o 28/12/2020 14:58

Tres universitarias galegas de 18 anos crearon un libro dixital que permite a conexión colectiva de nenos de todo o mundo para acceder a contidos docentes, culturais e de lecer. O proxecto, denominado Globed, axuda a reducir a fenda dixital. Estivemos con dúas das creadoras.

Paula Lamas, Nalú Rodríguez e Clara Pantín traballaron durante dous anos no seu proxecto Globed, un dispositivo con forma de libro cheo de contidos que se proxectan para un consumo colectivo. A idea é que millóns de nenos poidan conectarse, estudar matemáticas, literatura ou ciencias, e, ademais, facer intercambios, aprender doutras culturas e divertirse. Está pensado para nenos sen acceso á educación e á tecnoloxía.

"Cremos que unha das razóns polas que non tiveron éxito outros proxectos é porque se busca un ordenador por neno, e iso non sempre é viable. Unha das cousas que ten de innovador o noso proxecto é que ten proxector, e que ter proxector serve para moitos nenos á vez e pode axudar a reducir a fenda dixital", explica Nalú Rodríguez.

O prototipo xa lles permitiu contectar con nenos de Kenya. "Nenos que viven nunha zona moi problemática onde as nenas están oprimidas e teñen menos opcións. Foi moi bo para eles coñecer outros nenos e que elas viran que poden facer cousas. Démonos conta de que o noso proxecto tiña futuro e de que era moi bo para os nenos que non teñen acceso á educación", lembra Paula Lamas.

O proxecto foi un dos dez seleccionados entre os máis de 180 que se presentaron ao reto educativo Fuller, que busca entre a mocidade ideas de desenvolvemento sostible válidas para toda a humanidade.

Noticias web

28/12/2020