CRTVG

Buscar

Tres encapuchados rouban nunha cervexería da Coruña

Publicado o 14/08/2019 14:33

Un cartel avisando de motivos alleos ao negocio anuncia o peche por uns días do establecemento.Trátase da cervexería do barrio coruñés de Mato Grande que foi atracada a madrugada do luns pasado. Tres encapuchados romperon o cristal da porta de entrada e roubaron o diñeiro que había na máquina comecartos e na caixa rexistradora. Varios clientes achegábanse esta mañá e lían con sorpresa o cartel. Algún deles xa sabía polo dono do local o sucedido. "No día de onte casualmente comentoume o propietario que lle roubaran a noite anterior e iso e agora veño a tomar un café pero está pechado. Igual é por iso porque pon por motivos alleos... si penso que é por ese motivo porque vexo o cartel na porta e vaiao, entráronlle, roubáronlle o diñeiro da comecartos e algo que tiña na caixa e iso...", di un veciño.

A asociación de veciños e de comerciantes de Mato Grande comezan a estar preocupados por estes sucesos que xa se produciron en máis ocasións no barrio, mesmo chegaron a barallar a posibilidade de contratar seguridade privada, sobre todo en horario nocturno. Algúns veciños cren que sería unha solución para mellorar a seguridade. "Paréceme ben porque se hai tantos roubos e tantas cousas, claro temos que poñer man a isto, porque senón non sei que vai ser" "Moi ben, paréceme moi ben canta máis seguridade haxa mellor, isto está ben"

Pola contra hai outros que pensan que deben de ser as administracións as encargadas de vixiar pola seguridade dos veciños. "A min paréceme ben, pero iso quen o tería que poñer tamén é a Policía porque aquí nunca se ve un coche da Policía nin nada, digo eu, se todo o ten que pagar o inquilino mal andamos" "É que sería o Concello o encargado de poñer a seguridade nas urbanizacións, non?"

Os ladróns da cervexería foron gravados pola cámara de seguridade do local, pero descoñécese polo momento por que non saltou a alarma. Tampouco se sabe o botín que levaron os cacos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/08/2019