CRTVG

Buscar

Tres empresas galegas buscan novos produtos para combater o cancro de colon

Publicado o 22/02/2019 20:15

Tres empresas galegas de biotecnoloxía buscan novos produtos para combater o cancro de colon. Van abrir unha nova fase de investigación para testar en animais substancias que reforcen o sistema inmunitario ou que potencien o efecto doutros fármacos de uso oncolóxico.  

Galchimia, Oncostellae e Amslab van seguir camiñando xuntas. Co apoio do programa Conecta-Peme da Axencia Galega de Innovación as tres compañías de biotecnoloxía van poñer en marcha o proxecto IO4COLON, un paso máis no seu obxectivo de lograr novos fármacos efectivos contra os cancros colorectais, os de maior incidencia actualmente.

Carme Pampin, CEO de GalChimia: "Sabemos que o sistema inmune ten un efecto importante no tratamento do cancro de colon e as nosas moléculas deberían axudar a que as defensas do corpo axuden a tratar o tumor".

José Brea, socio de Oncostellae: " O que está previsto no proxecto é ter caracterizados os compostos en animais e ter, ao remate do proxecto, caracterizados polo menos dous compostos".

Para iso contan coa colaboración de tres equipos de investigación de física e química da Universidade de Santiago. O horizonte final de IO4COLON é lograr un fármaco efectivo e xestionar a sua distribución cun gran laboratorio farmaceutico.

Carme Pampín, CEO de GalChimia: "O noso obxectivo tamén sería que ao final os ensaios clínicos tamén os poidamos facer en Galicia e poder dicir que o proxecto se desenvolveu prácticamente todo en Galicia".

Noticias web

22/02/2019