CRTVG

Buscar

Tres días sen auga da traída en parroquias de Barreiros

Publicado o 19/08/2020 13:47

Hai problemas de abastecemento de auga nalgúns puntos do concello de Barreiros. Os principais afectados son veciños con pequenas explotacións de gando.

Cada vaca leiteira pode beber diariamente máis de 150 litros de auga nos meses de verán. Así, o corte da subministración de auga da traída que veñen padecendo dende hai tres días nas parroquias do interior do concello de Barreiros está a supoñer un trastorno para os veciños, a meirande parte deles gandeiros.

Os técnicos están a buscar a avaría tanto no depósito de Vilamartín como na rede de tubaxes que abastece pero polo de agora non se deu con ela. Unha situación que causa molestias os habitantes desta parte.

A falta de auga da traída, os bombeiros de Barreiros e efectivos municipais dos concellos lindeiros están a levar diariamente auga polas vivendas e explotacións en cisternas de ata 8.000 litros. Ademais, tamén enchen o depósito onde se orixinou a avaría para dar servizo as casas que quedan máis preto del. Con todo, estas solucións son só un parche e os veciños necesitan que o servizo de traída se recupere canto antes para vivir e traballar con normalidade.

Por sorte, a chuvia destes días permitiron que non haxa que regar o millo, algo que complicaría moito a actual situación.

Noticias web

19/08/2020