CRTVG

Buscar

Minuto de silencio e loito oficial en Rianxo

Publicado o 23/04/2019 13:55

O tempo pasa de vagar no lugar de Rial, en Rianxo. Aquí viven os pais de Alberto Chaves. Recibiron a fatal comunicación a través do consulado. Chamáronos ás catro da madrugada para darlles a noticia máis terrible das súas vidas. Había apenas un mes que viran o seu fillo; estivera en Galicia de vacacións e acudira ver os seus pais e a seu irmán. De momento, non saben nada da repatriación do corpo. Os familiares din que persoal da empresa para a que traballaba Alberto está en Sri Lanka para facer os trámites da repatriación. Na parroquia de Santa María de Leiro todos están conmocionados.

"Moito, moito, moito. Eu a ese rapaz queríalle coma se fose un fillo. Para min eh! Moi educado, onde me vía ola, ola, bos días, bos días. Pero fóra de serie, vamos".

"Home claro que nos afecta. Pero... eu que sei aínda cando o traerán, sabe Deus".

"Como non se vai sentir, iso é terrible. Miña nai, todo o mundo... Todo o mundo está, miña madriña do Carme. A min díxomo aquela veciña que eu non sabía nada e onte xa non deixaron entrar a ninguén".

Unha profunda tristeza apoderouse de Rianxo. No municipio barbancés decretaron tres días de loito e ao mediodía gardaron un minuto de silencio na rúa Castelao polo seu veciño Alberto. Un minuto de silencio que tamén quería lembrar todas as vítimas, por solidaridade e de repulsa contra o terrorismo. Os aplausos romperon un silencio que a dor deixou sen palabras.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/04/2019