Tres días de loito oficial en Pontecesures
Un impoñente silencio rodea hoxe a vivenda familiar onde residen os pais da moza de Pontecesures falecida nos atentados de Sri Lanka.
María González, de 32 anos, era filla única. Traballaba en Padrón, na empresa familiar de confección e venda de roupa de traballo, que hoxe tamén permanece pechada. Fora pasar as vacacións de Semana Santa co mozo que traballaba na India e alí, no hotel de luxo onde se hospedaban, durante o almorzo do domingo, soprendeunos a cadea de atentados terroristas que sacudiron a cidade.
Ata onte as familias non recibiron a confirmación da traxedia, unha vez que identificaron os cadáveres polas súas tatuaxes. A nova deixounos desolados, como contan os que tiveron ocasión de falar con eles.
A traxedia monopoliza hoxe todas as conversas entre os apenas 3.000 habitantes de Pontecesures, que están conmocionados pola nova.
A familia agarda agora pola repatriación dos cadáveres. A Sri Lanka viaxaron autoridades españolas para iniciar os trámites, que poderían demorar entre 7 e 9 días. No concello de Pontecesures as bandeiras ondean a media hasta no primeiro dos 3 días de loito oficial decretados no pleno extraordinario celebrado este mediodia. As mostras de apoio veciñal e institucional á familia continuarán esta tarde. Hai convocada unha concentración na praza da vila ás 8 e media.