Detidos tres reclusos, un no cárcere de Teixeiro, por difundir o xihadismo en prisión

A Garda Civil desartellou un grupo de internos afín á banda terrorista Dáesh. Na operación, as forzas de seguridade detiveron dous reclusos e unha terceira persoa que estivera no cárcere por levar a cabo labores de difusión do ideario xihadista e de captación en diferentes centros penais. Os arrestos tiveron lugar na cidade autónoma de Ceuta e nos centros penais de Teixeiro (na Coruña) e Murcia II.
Segundo a Dirección Xeral da benemérita, os arrestados levarían a cabo actividades de proselitismo, captación e difusión de postulados xihadistas de xeito concertado e coordinado. En liña coa estratexia global marcada por Dáesh, materializaban accións para trasladar as mensaxes e consignas desta organización, como pintadas en zonas comúns ou a difusión a través de correspondencia postal de contidos para incitar á afiliación terrorista.
No centro penal de Murcia II detiveron a I.M., preso preventivo por delitos de terrorismo, coñecido pola súa actividade radical e adoutrinadora. A investigación puxo de manifesto que as súas actividades delituosas en prisión non eran feitos illados senón que obedecían a unha estratexia común.
No centro penal de Teixeiro prenderon a R. B., que cumpre condena por delitos contra o patrimonio aínda que está catalogado como interno de especial seguimento por tratárense dun recluso radicalizado durante a súa estadía en prisión.
O arrestado en Ceuta, que responde ás iniciais M.D., é un home que estivo en prisión durante dous períodos diferentes nos que exerceu actividades proselitistas e de difusión de consignas xihadistas.
A investigación, dirixida polo Xulgado Central de Instrución número 1 da Audiencia Nacional e coordinada pola Fiscalía, contou coa actividade de control e seguimento realizado pola Secretaría Xeral de Institucións Penais para identificar estas actividades.
A Garda Civil levou a cabo diversas operacións no ámbito carcerario nos últimos anos xunto coa Administración penal en consonancia coa estratexia nacional contra o terrorismo, que establece como prioridade a detección e neutralización deste tipo de procesos nos cárceres.