CRTVG

Buscar

Tres detidos en Barcelona por saqueos a tendas durante as protestas

Publicado o 21/10/2019 14:35

A queima de colectores é un indicador do grao de violencia que as protestas acadaron nos últimos días. A noite pasada, os radicais queimaron 35, mentres que o venres foron 300. Dende o inicio dos disturbios, os violentos fixeron arder máis de 1.000 colectores en Barcelona.

Esta é só unha parte da factura á que se enfronta a capital catalá, que cifra en dous millóns e medio as perdas causadas durante as protestas. Nesta cifra non están incluídas as horas extra dos servizo de limpeza, nin o custo da maquinaria coa que se intenta limpar as pegadas dos disturbios.

Tampouco están avaliadas as perdas que supoñen os saqueos. As tendas de telefonía móbil foron as máis afectadas, pero algúns manifestantes tamén accederon pola forza a establecementos deportivos e de electrodomésticos, tras golpear os escaparates con lousas, valos ou mesmos semáforos. Tres dos 13 detidos nas últimas horas polos Mossos d'Esquadra foron arrestados cando roubaban en comercios.

A Policía Autonómica teme que estas accións supoñan un efecto chamada para radicais doutros países europeos, que se poidan sumar a novas protestas violentas. Con todo, nas últimas horas a violencia remitiu nas rúas de Barcelona, onde hai convocadas varias protestas dos CDR e de Tsunami Democràtic.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/10/2019